A gandaría industrial concéntrase en producir moito, producir rápido e producir ao máis baixo custo posíbel, máis non ten en conta as consecuencias ambientais, sociais e de malos tratos animais, entre outras.
Queremos concienciar á poboación do grave impacto que está a ter a proliferación sen control da mesma. Cómpre unha moratoria para pór freo á concesión de novas licenzas ou ampliación das xa existentes e transitar cara a outro modelo máis ecolóxico e extensivo, reducindo a carga gandeira cando menos un 50 % para 2030.
Stop Ganadería Industrial Galicia está composto por:
- Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) (Ourense)
- Plataforma AugaLimpaXa! (Ourense)
- Ecoloxistas en Acción Galiza
- Greenpeace Galicia
- Amigos da Terra Galicia
- Asociación Cultural e Medioambiental Tarabelada (Ourense)
10 razóns para rexeitar a gandaría industrial
- Contaminación de augas e chans: o exceso de xurros provoca a contaminación de augas e chans por nitratos e outros compostos, así como a eutrofizaciónde masas de auga.
- Sobreexplotación de acuíferos: unha explotación de 2.000 porcos consome case 20.000 litros de auga cada día.
- Emisións de gases de efecto invernadoiro: o sector agrícola é xa o terceiro maior contribuínte ás emisións de GEI. En 2021 foi o responsable do 13,4 % das emisións directas de GEI.
- Deforestación: a inxente cantidade de pensos necesaria para alimentar á gandaría industrial é un importante factor de deforestación. O 80 % da superficie agrícola mundial destínase a producir alimentos para animais.
- Danos á saúde: pola vertedura de restos de antibióticos, e xunto a eles bacterias resistentes, aos ríos achegados ás explotacións. O excesivo consumo de carne vermella e procesada e de augas contaminadas por nitratos está relacionado con algúns cancros e outras doenzas.
- Precarización do emprego: o modelo de gandaría integrada promovido por corporacións coma Coren xera pouco emprego ao estar altamente industrializado. Os gandeiros perden o control sobre os medios de produción.
- Explotacións familiares extensivas en risco: a cabana gandeira industrial, especialmente de porcos e aves, medra rapidamente mentres desaparecen pequenas explotacións que non poden competir. Nos últimos 10 anos reducíronse nun 27% as explotacións asociadas ao territorio.
- Concentración da riqueza: cada vez hai menos granxas e máis instalacións industriais de grandes dimensións en mans de integradoras que levan o beneficio.
- Falta de benestar animal: os animais viven amoreados e sométeselles a prácticas como castración, cortado de dentes e raboteo sen anestesia.
- Non fixa poboación ao territorio: despoboamento progresivo ao perderse explotacións tradicionais e familiares. O 74 % dos municipios con gandaría industrial perde máis poboación, ou gañan menos, que os municipios sen ela.